Comezamos o curso cunha colaboración entre a artista Jo Redpath, a narradora oral Charo Pita, e os músicos Francisco Luengo e Xurxo Varela [viola da gamba] no evento O Home Lagarto e Outros Contos que terá lugar o día 5 de septembro ás 18.00 no bosque de Lens (Ames) Animámoste a pasar un momento máxico entre as impresionantes criaturas de Jo Redpath e o encanto da música e dos contos en directo.
Información
data: sábado 5 de septembro: 18.00
[pódese traer unha pequena merenda para tomar no bosque despois do evento]
entradas: 10.00 euros
lugar: o bosque de Lens, Ames
imprescindible reservar praza: chama a 660 619071 ó mándanos un correo.
PRAZAS MOI LIMITADAS!
Jo Redpath: artista
En 1984 mudeime a Galicia, e desde entón traballo e fago exhibicións en ambos os países. Desde a miña infancia dedícome á arte; digamos que o meu traballo en realidade é un conto ou un soño que vivo inmersa nas miñas paixóns: o mundo natural e as persoas. A miña obra contén moitas das miñas preocupacións pero tamén o meu sentido do humor, cousas que me atopo na meu día a día. Uso materiais simples como o papier maché, arame, tea, barro etc tamén obxectos gardados durante os anos que aos poucos atopan o seu sitio. Traballo de forma rápida, moldeando, enchendo, cosendo e pintando. Tento capturar fragmentos do meu mundo imaxinario para compartilo e obter unha reacción doutras persoas. Nin máis, nin menos. O entorno ofrecido no bosque de Lens era perfecto para o meu traballo. Un lugar máxico onde atopei e construín algúns novos personaxes para incorporar no meu conto.
Charo Pita: narradora oral
Charo Pita naceu á idade de seis anos cando rematou de ler o seu primeiro libro. É licenciada en Filoloxía e participou durante tres anos no curso regular de interpretación da escola Santart, impartido por Theodor Smeu Stermin e Carlos Álvarez Osorio. Leva narrando desde hai 26 anos relatos de tradición oral e de creación propia. Conta para todas as idades, dende bebés ata público adulto. O seu labor máis persoal céntrase na creación de espectáculos onde contar se mestura coa música ou o debuxo: Palabras PercuDitas, Os Fonocontos, as Ollofábulas, Os gatos diabólicos, Miniaturas Medievais, xunto con músicos e ilustradores como Francisco Luengo, Florian Vlashi, Manuel Vilas, Xoán Curiel, Magín Blanco, María Faltri, Jorge Juncal, Óscar Villán …. Participou tamén en montaxes bilingües de narración oral en inglés e galego con narradores da talla de Tim Bowley. Ten máis dunha ducia de libros publicados e recibiu algúns premios literarios entre eles o Manuel Murguía de narracións breve (2018) ou o Espiral Maior de poesía (2001). Colaborou como cantante e narradora no disco de Malandança Unha noite na corte do rei Afonso. En 2018 viu a luz o libro disco infantil No país do vento no que desenvolve composicións propias.
Francisco Luengo: músico
Son violagambista e construtor de instrumentos; ás veces director e a miúdo instrumentista.
É infrecuente combinar a vida do músico coa de construtor de instrumentos. No meu caso véxoo como unha necesidade: de cada unha destas vidas aprendo o precios para a outra. E desfruto.
Creo que a construción de instrumentos é unha vía para entender a interpretación dos direrentes estilos muiscais que abarcamos quen nos dedicamos á música antiga. Penso que, a falta de tradición, cada instrumento, coas súas caracertísticas, virtudes e carencias, é un mestre da interpretación e nos confronta coas aspiracións e intencións dos compositores que crearon obras para eles.
Máis información nesta páxina web
Xurxo Varela: músico
Naceu en 1971. Seu pai, Miguel Varela, guitarrista, foi o seu primeiro mestre, aprendéndolle os rudimentos principais da guitarra; a nai, María Manuela, cantora, foi quen lle ensinou a perder o medo ao público.
Comezou a estudar viola da gamba en 1993 en Santiago co seu mestre, Francisco Luengo. No ano 1995 principiaría o estudo do canto con Miro Moreira e, ao tempo, iniciaría a súa carreira profesional como intérprete de viola da gamba.
Actualmente combina a actividade concertística coa docencia, os arranxos musicais, a producción artística, así como a dirección artística e musical en diferentes proxectos.
Foi profesor en diferentes disciplinas en varias escolas de música galegas.
Desde 2009 é profesor de viola da gamba e música da cámara no CMA, departamento de música antiga da ESMAE (Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo) do Porto. Centro onde cursou os seus estudos de “mestrado en interpretação artística” entre os anos 2014 e 2016. Desde o ano 2017 dá aulas do seu instrumento nos cursos organizados polo Ateneu Ciutat de Manises.
Asimesmo, foi profesor nos IX, X, XI, XII, XIII, XIV, XV e XVI cursos de música antiga organizados polas escolas superiores de música de Lisboa e Porto (ESML e ESMAE) e na 41ª edición do curso de música que organiza todos os anos a Escola Superior de Música de Brasília (Brasil).
Ten participado nas xornadas Mundos e Fundos organizadas pola Universidade de Coimbra durante os anos 2017, 2018 e 2019 para diferentes palestras relacionadas co campo da música antiga. De igualmaneira foi convidado polos conservatorios de Coimbra, Espinho (Portugal) e pola USP (Universidade de São Paulo, Brasil) para dar masterclasses de viola da gamba. Na mesma USP foi convidado para dar unha conferencia sobre a súa disertación de mestrado.
Como arranxista colaborou coa orquestra Pequeñas Huellas (Italia) cun arranxo da cantiga Cantar de Berce de María Manuela para tal formación. Como director artístico, produtor e arranxista, para os discos Para Miguel, de María Manuela, Polo Correo do Vento e Estiñada, do grupo Ledicia, así como nos libro-discos O Meu Primeiro Celso Emilio e A Miña Primeira Rosalía, estes catro últimos publicados en Ed. Xerais.
Tamén traballou como director artístico para o selo Geaster-Diverdi en diferentes publicacións.
Como transcriptor na curtametraxe Minotauromaquia de Juan Pablo Etcheverry e no libro de xogos infantís Chirlosmirlos, de Antón Cortizas.
Toca a viola da gamba nos grupos Capela Compostelana, Banchetto Musicale, La Galería del Claroscuro, Ensemble la Chimera, I colori della armonia e Ensemble Hotteterre sendo convidado por diferentes grupos alén deste para diferentes proxectos. A “vyola” tócaa no grupo medieval Malandança.
Como cantante participa eventualmente no Orfeón Terra a Nosa.
Tocou en diversos festivais e e cidades de Europa e EEUU e Brasil.
Discografía no eido da música antiga:
1996 – Cuerdas, aunque disímiles, aunadas (Banchetto Musicale),
1998 – Zion Spricht (Banchetto Musicale)
1998 – Cartas al rey moro (Mudéjar, Begoña Olavide),
2001 – Unha noite na corte do rei Affonso (Malandança).
2001 – Y templando por cuerdas, ruiseñores (Banchetto Musicale),
2007 – Mon Dieu, prête-me l’oreille (Banchetto Musicale),
2008 – Perfume Mudéjar, Axivil Aljamía,
2009 – My singular enternainment and delight (Dúo Francisco Luengo – Xurxo Varela),
2012 – Le Nymphe di Rheno (Dúo Francisco Luengo – Xurxo Varela).
2018 – Mya Senhor Velida (Malandança)
Máis información: @xurxo.varela.7